O SOMBREIRO DAS ÁRBORES

Un novo relato da alumna Navia Castro Landín. 2ºB


O sombreiro das árbores
Hai moito tempo existiu unha árbore que descubriu o segredo das árbores. Era primavera, todas as árbores durmían, as flores cantaban e a herba rodeaba aquela árbore tan soa. Ela non durmía, era a única das árbores que estaba esperta pero co paso dos días foron espertaron todas.

As árbores falaban, as flores cantaban e a herba rodeaba aquela árbore contenta. Esta axiña comezou a contar o descubrimento pero ninguén lle cría, entón ensinoulle as follas tan  verdes que tiña. Pero nada, as demais non lle facían caso.

A árbore entristeceu pero a rosa calmouna:

-          Tranquila, eu escoitei o que dixeches.

A herba pequeniña engadiu:

-          Non chores, so son unhas árbores que non queren facerlle caso a ninguén.

Ela calmouse e secou as bágoas que esvaraban polo seu tronco ata que ao fin deixou voar as palabras polo aire:

-          Grazas por tranquilizarme! -Díxolle moi contenta.

As demais árbores seguían falando, non lle importaba nada de nada o descubrimento. Mentres un forte vento case se leva as follas das plantas. Entón a árbore dixo:

-          Escoitádeme, atención! Nós temos un sombreiro, son as follas que levamos na cabeza!

Todas decatáronse de que tiña razón e recoñecérono:

-          Tes razón. Sentimos non crerte.

As árbores fixeron as paces e á ameixeira que é a árbore que descubriu o segredo nacéronlle moitas ameixas moi saborosas.

Navia Castro Landín.2ºB

Comentarios